O Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía abre as súas portas ao mundo institucional e corporativo, ofrecendo os seus diversos espazos como un lugar especial e único para acoller a celebración de múltiples actos e eventos culturais que, á súa vez, poden complementarse cunha visita guiada e exclusiva a unha das maiores e máis modernas pinacotecas do mundo.
O Museo pon a disposición de empresas e entidades o seu coñecemento e creatividade co obxectivo de lograr que o acto transcenda e se converta nunha experiencia.
Celebrar reunións, presentacións, recepcións, entre outros actos, permite apoiar o proxecto cultural e social do Museo, contribuíndo a impulsar o seu posicionamento como espazo de referencia na escena da arte contemporánea internacional, liderando o novo concepto de museo do século XXI.
Auditorios
Auditorio 400
Situado na Ampliación do Museo, obra do arquitecto francés Jean Nouvel, este espazo de marcada personalidade ofrece a posibilidade de realizar unha grande variedade de eventos culturais e de empresa como congresos, concertos, entregas de premios, presentacións, conferencias ou pases de películas. De inmellorable acústica, conta con 425 butacas, camerinos, cabinas para interpretación e un completo equipamento audiovisual, incluíndo a asistencia técnica. A nivel de acceso ten dúas entradas: unha a nivel do escenario e outra a partir da metade das butacas, o que facilita o acceso unha vez comezado o acto.
- Capacidade: 425 butacas
Auditorio 200
Dotado cos máis avanzados medios audiovisuais, asistencia técnica, camerinos e cabinas para interpretación, esta sala situada no edificio do arquitecto francés Jean Nouvel é o marco perfecto para conferencias, rodas de prensa, mesas redondas, pases de películas, presentacións, cursos e outros moitos tipos de eventos culturais ou empresariais.
- Capacidade: 204 butacas
Auditorio Sabatini
Situado no Edificio Sabatini, é o exemplo perfecto da convivencia entre o espazo histórico e os novos usos, xa que conserva a estrutura orixinal do edificio como marco incomparable para unha sala moderna, de equipamento audiovisual acabado de renovar, que inclúe cabina para interpretación e asistencia técnica durante o acto. Axeitado para a realización de todo tipo de reunións, cursos, conferencias, proxeccións, presentacións ou rodas de prensa. Conta ademais cunha zona de recepción diáfana.
- Capacidade: 144 butacas
Terrazas
A exclusividade é o sinal de identidade deste espazo. Zona diáfana ao aire libre situada na parte superior do edificio Nouvel do Museo. Orientadas cara o patio central do edificio Nouvel, que alberga a obra de Lichenstein, o entorno da estación de Atocha e o castizo barrio de Lavapiés, ofrecen unhas inmellorables vistas de Madrid que constitúen o marco perfecto para a realización de calquera cóctel, xantar ou cea de gala. Este espazo pódese utilizar en perfecta combinación coa Sala de Protocolo ou o Auditorio.
Dispoñible só a Museo pechado
Xardín
Ocupando o corazón do Edificio Sabatini atópase este magnífico espazo ao aire libre no que as zonas axardinadas e as fontes conviven á perfección coas esculturas de Alexander Calder e Joan Miró. Remanso de paz no centro de Madrid, os grandes muros do antigo Hospital de San Carlos abrazan esta zona creando un ambiente perfecto para a realización de cócteles, xantares, ceas e recepcións. Accédese a el dende o Claustro, espazo co que se comunica a través de varias portas, polo que o uso combinado de ambos ou xunto co Auditorio Sabatini tamén resulta interesante.
Dispoñible só a Museo pechado
Espazos Diáfanos
Vestíbulo Nouvel
Situado na Ampliación, completamente acristalado e cunhas vistas privilexiadas sobre o patio central e o Edificio Sabatini, o seu carácter de sala diáfana e independente fai que sexa a zona complementaria perfecta aos Auditorios 400 e 200, na que dar a benvida aos invitados e realizar unha pausa para un café ou un cóctel
Sala de Protocolo Nouvel
Situada na zona máis alta do edificio Nouvel, xunto ás Terrazas, trátase dun dos espazos máis singulares e atractivos do Museo. Está dividido en dúas salas polivalentes de diferentes tamaños, que se poden usar de xeito independente e nas que é posible realizar grande cantidade de montaxes distintas para abarcar unha ampla variedade de capacidades e tipos de eventos: dende un xantar, unha cea de gala ou un cóctel, ata unha presentación, unha entrega de premios ou unha reunión de traballo. Pola súa situación é facilmente combinable cun acto nalgún dos Auditorios ou nas Terrazas.
Claustro
Altas bóvedas e arcadas de pedra configuran este espazo, que se asoma ao xardín central e que articula en grande parte a vida do Museo. Marco histórico incomparable para a celebración de eventos, pode albergar nalgunhas das súas alas servizos de cóctel, xantares ou ceas, existindo ademais a posibilidade de combinalo co anexo espazo ao aire libre do Xardín ou co Auditorio Sabatini
Contacto:
Área de Desarrollo Estratégico y de Negocio
Tel. (+34) 91 774 1000 ext. 2004 y 2120
alquiler.espacios@museoreinasofia.es